jueves, mayo 18, 2006

Visita a Asteasu. A viaxe

"... eu faloa porque si, porque me gusta
porque me peta e quero e dame a gana
porque me sae de dentro
..."

Era o día das Letras. Este ano non ía participar no cortexo cívico das letras pola Cidade Vella. Este ano, aproveitando o día non lectivo íamos acudira visitar un colexio público en Euskadi, iamos visitar o Colexio Pello Errota de Asteasu (Guipúzcoa). Este é un colexio no que, grazas a un acordo con Microsoft, tiñan a posibilidade experimentar cuns TabletPc.
Despois de ter que deixar fóra da viaxe a dúas persoas das que solicitaran realizar esta viaxe, Mª Jesús Abad de Ed. Infantil, Sabino do 2º ciclo, Ramón do 3º ciclo, Elena de lingua francesa, Amelia de lingua inglesa e máis eu, acompañados de Israel como representante da Fundación Amancio Ortega subimos nun avión con destino a Bilbao. Grande invento este dos avións. ¡¡35 minutos!! e xa estabamos en Bilbao. Coche e noutra hora xa estabamos en Donostia.
Moitas veces facemos e establecemos apriorismos. "Todo o norte é igual", "Bilbao é espantoso e sucio" "San Sebastián é precioso".
Con respecto ao primeiro é completamente falso. Non é igual todo o norte da península. Euskadi ten un respecto para todo o seu que xa quixeramos ter os galegos. En todo o recorrido que fixemos entre Bilbao e San Sebastián, non vimos ningún exemplo do feismo. Non descubrimos ningunha casa, habitada, a medio facer, non había casa rematadas con "ladrillo visto". A autoestrada, mala (tiñamos unha discusión no coche decidindo cal era peor e con máis curvas se a Autoestrada de Carballo, o tramo Vigo-Tui ou esta). A paisaxe preciosa. Chocaba ver todos os montes cheos de árbores, ningún tramo queimado, sen eucaliptos.
Sobre o segundo dos preconceitos, nesta viaxe non puidemos visitar Bilbao. Pero eu podo asegurarvos que é falso. Bilbao está preciosa. A transformación que sofreu desde que se construiu o Guggenheim é tremenda. Agora é unha cidade limpa, paseable e agradable. Hai anos cando os seguidores da Real acudían a San Mamés cantaban "que feo eres, Bilbao, Bilbao que feo eres" teñen que cambiar de letra.
Con respecto á 3ª afirmación é certa. Donostia é preciosa.
San Sebastián sábese bonita, San Sebastián non necesita novos Museos, Israel quería ver o Kursaal e quedou un pouco decepcionado. Paseando polo paseo de La Concha, se mirábamos para o mar, podiamos pensar que estabamos en Riazor ou no Orzán. Pero se nos dabamos a volta e contemplabamos os edificios e os palacios que bordean a Concha, non atopabamos nin a parte de atrás do Eusebio da Guarda, nin Facenda, nin o ambulatorio, nin, nin nin....
Será porque alí respectan o seu e non enchen a praia con edificios que tapan o sol.

No hay comentarios: